01/10/2026
A Asociación da Memoria da Castela Galega reclama un novo modelo para as festas do setembro
O colectivo pide recuperar tradicións, implicar os veciños e levar actividades a máis espazos do Carballiño
A Asociación da Memoria da Castela Galega reclama ao Concello un cambio no modelo de organización das festas do setembro do Carballiño. O colectivo considera que a programación dos últimos anos resulta repetitiva e que está afastando parte da veciñanza, que deixou de sentirse protagonista das celebracións.
“As festas están a facerse por inercia, sen novidades nin unha reflexión sobre o que queremos para o futuro”, sinalan. Ao seu xuízo, estas celebracións forman parte da identidade e da memoria colectiva da vila e deberían contar cunha programación máis variada e participativa.
A asociación bota en falta actividades tradicionais como os cabezudos, as bandas de música, os grupos de gaitas, os concertos de folk galego, rock e música portuguesa, así como propostas infantís, xogos populares, cine, guiñol, danzas, cantos e actuacións de grupos do Carballiño e da comarca. Tamén reivindica recuperar iniciativas como a festa da poesía ou os libros das festas.
O colectivo non cuestiona a presenza das orquestras, pero considera que non deberían ocupar todo o protagonismo. “As festas non poden quedar reducidas ás orquestras; cómpre ofrecer propostas para públicos diferentes e recuperar actividades que tamén fomenten a participación”, explican.
A entidade pide abrir a organización ás asociacións, colectivos culturais, artistas e veciños, mediante reunións ou mesas de traballo que permitan achegar ideas e preparar os programas con máis antelación.
Tamén reclama revisar a distribución dos espazos festivos, xa que considera que as actividades deberían chegar a máis zonas da vila. Neste sentido, pregúntase por que as atraccións non están agrupadas e por que nalgúns puntos do Carballiño apenas se percibe o ambiente das festas.
A Asociación da Memoria da Castela Galega defende unhas celebracións que combinen tradición e novas propostas, representen a diversidade cultural da vila e permitan que os veciños participen activamente na súa organización e desenvolvemento.