05/11/2025
Volvemos cunha estrea!
A finais de outubro anunciamos que, despois dunha pausa en redes e moito traballo
interno, iamos volver pronto. Pois chegou o momento!
E facémolo por todo o alto: coa estrea dunha nova peza de este mes de novembro!
Aínda que para a estrea terás que esperar ata finais de mes, si que temos preparada
unha preestrea para que poidas ver este xoves 6 en primicia un ensaio aberto de
“Miña pequena”, a peza con acompañamento sonoro en directo de Diana Longa, que é tamén a directora e dramaturga da mesma.
Poesía, danza e son únense para darlle vida sobre o escenario a esta adaptación de
“Manaus”, o relato, tamén de Constance Hurlé, gañador do 1.º Premio de
microrrelatos contra a violencia de xénero do concello de Ribadavia no 2020.
Hurlé, que tamén é a intérprete desta peza, nárranos nesta historia a violación que
sufriu a protagonista a mans da súa parella e, a través dela, explora as conexións entre a memoria, o corpo e a violencia.
Un relato tan cru como necesario que nos mostra a brutalidade do abuso e a
fraxilidade do corpo agraviado para concienciar, desde un espazo de visibilidade como é o escenario, sobre a violencia de xénero e o abuso dentro da parella.
Un problema incómodo, aínda que ben coñecido, que tantas veces queda nunha
lembranza pechada nos recunchos da memoria das vítimas. Por iso Hurlé decidiu
expoñelo ante os focos e o público.
Para darlle voz.
Para mostralo.
Para sinalalo.
E tamén para que exploremos os sentimentos que produce en quen o sofre para que fagamos o exercicio de empatía e reflexión como sociedade. Por elas. Por nós. Por todas.
Onde? En A Morada Coop., .
Cando? Este xoves 6 de novembro ás 20.00 horas.
Canto? Billeteira inversa. Primeiro ves a peza e, ao rematar, pasas pola billeteira e
aboas a cantidade que ti decidas.
Acompáñanos!