08/09/2026
Aldea abandonada de Salgueiro. Galicia.
Unha das miñas lecturas deste verán foi “A agonía das Folerpas”, de Óscar Reboiras Loureiro, ambientada nesta fermosa aldea ubicada a máis de 1000 metros de altitude na vertente norte da serra do Xurés. Así que acordoume refrescarvos un pouco a memoria sobre este lugar que forma parte dos meus favoritos e é que, a falta de habitantes, sóbralle encanto!
A pesar do seu estado de abandono actual, Salgueiro chegou a ser coñecido coma o “banco do Xurés” por proporcionar préstamos ás xentes dos arredores. Isto débese á riqueza que conseguiu amasar grazas á produción de carbón. Pero non só de carbón se vivía en Salgueiro, xa que a agricultura e a gandeiría foron outros dos seus piares básicos a pesar do seu clima e altitude pouco benevolentes. Centeo, verzas e patacas, eran recoñecidos nas aldeas veciñas pola súa calidade.
Estaredes a preguntarvos polos contras, claro. Pois ben, o seu único muíño só funcionaba no inverno debido á escaseza da auga nas épocas máis quentes do ano. Aínda que ten capela, nunca contou cun cemiterio propio polo que, cando alguén falecía, tiñan que transportalo ás costas ata a aldea de Prado de Limia polo “dificultoso” camiño que baixa xunto ao torrente de Salgueiro, coñecido coma o “camiño dos mortos”. Estas duras condicións de vida xunto ao seu illamento, á falta de electricidade e ao fin do uso do carbón como fonte de enerxía, propiciaron o seu abandono na metade do século XX, sendo actualmente propiedade da Xunta de Galicia.
Está dentro da zona de protección especial do Parque Natural, nunha área de acceso restrinxido, polo que para a súa visita é preciso dunha autorización que se pode solicitar na sé do Parque Natural (Lobios) no teléfono 988448048 ou por correo electrónico ao [email protected].
Se non a coñecedes, tedes que ir, prometo que vos encantará! E se vos apetece camiñar un pouco tedes impresionantes roteiros que pasan por aló 😍.