26/09/2016
O Concello de Ames acaba de facer público o regulamento da súa emisora municipal. Nós aquí levamos ano e medio agardando por un, ben realmente dúas decadas porque a radio non se inaugurou o ano pasado.
Interesante o artigo 10, no que se recolle que os veciños poderán colaborar facendo programas, xusto o que pedimos nós e 1200 sinaturas que presentamos o ano pasado.
O artigo en concreto de Radio Ames di o seguinte: "Artigo 10. Colaboracións
1. Fomentarase que persoas voluntarias colaboren con Ames Radio, polos seus coñecementos e interese sobre a radio ou sobre determinados temas, para conseguir unha meirande diversidade e variedade de temas na programación da emisora.
O traballo das persoas colaboradoras será sempre gratuíto e sen que poidan adquirir ningún tipo de dereito nin obriga, nin relación laboral ou funcional, para o cal se asinará o correspondente documento. Si poderán ser indemnizados/as polos gastos que lles ocasione o cumprimento da súa colaboración, nos termos establecidos pola norma existente para tal efecto para os empregados públicos e membros da Corporación, para o cal deberán obter previamente a correspondente autorización por parte do responsable político.
Non obstante, as persoas colaboradoras adquiren o compromiso de manter a colaboración polo tempo ou número de programas que establezan entre ambas as partes. Deberán respectar este compromiso agás causa de forza maior; en caso contrario, serán penalizadas coa imposibilidade de colaborar con Ames Radio durante o tempo que se determine.
Ames Radio promoverá a participación da cidadanía en idade escolar, en risco de exclusión ou vítima de desigualdade e dos maiores co fin de transmitirlles formación e información útil sobre os principios da comunicación de masas e nomeadamente do medio radio. Esta participación verase fomentada pola inclusión de eventos formativos axeitados para estes colectivos dentro das actividades anuais da emisora local, planificadas desde o Consello Asesor.
2. Poderá realizar un programa en Ames Radio calquera persoa, asociación ou entidade de Ames que o desexe, que acrediten que a temática a tratar no devandito espazo é de interese para os veciños e veciñas do municipio, nos termos que se establecen neste Regulamento.
Os temas tratados poderán ser de calquera índole, aínda que se priorizarán aqueles que respondan aos plans de actuación aprobados, que resulten de interese para o Concello de Ames ou que estean protagonizados por persoas residentes ou nadas no municipio ou que traballen nel, así como asociacións e colectivos do Concello.
Tamén poderán realizar un programa en Ames Radio outras persoas, asociacións ou entidades non residentes no concello que presenten propostas con estas características.
3. As persoas ou entidades interesadas en realizaren un programa de radio deberán presentar un un proxecto na que se describa con brevidade (aproximadamente, un folio):
- Obxectivos
- Tipo de programa e guión
- Frecuencia de emisión
- Duración do programa
- Persoa, persoas e grupos responsables do programa
- Medios técnicos e recursos humanos e materiais necesarios
O persoal técnico da emisora emitirá un informe para o Consello Asesor da Radio sobre os proxectos recibidos ou sobre as propostas de colaboración. Será o Consello Asesor quen aprobe a inclusión de novos programas e colaboradores. Posteriormente será o responsable político quen faga o nomeamento oficial como colaborador ou colaboradora de Ames Radio.
4. O desenvolvemento dos programas someterase aos requirimentos de formación e ás indicacións técnicas do persoal da emisora.
5. A emisora municipal non se fai responsable das consecuencias xurídicas ou de calquera outro tipo que se deriven das actuacións e opinións vertidas en programas elaborados por persoas ou grupos colaboradores.
6. O Consello Asesor poderá revogar a súa aprobación á colaboración cando nesta se contraríen os principios de funcionamento de Ames Radio establecidos no artigo 3.1 deste mesmo regulamento, cuxo coñecemento por parte das persoas colaboradoras debe facerse constar canda o proxecto de programa.