18/04/2023
Este xoves día 20 de abril ás 19:00 horas, no salón de actos do IES Lucus Augusti, presentaremos o 4º libro editado polo noso sello, Ediciones Desdelugo.
Coordinado polo profesor Gaspar Méndez Fuentes, este é un libro verdadeiramente apaixonante que reflicte un pasado recente da nosa historia do que moitas veces non somos conscientes. Avós e avoas, bisavós e bisavoas dos alumnos participaron por convicción ou obrigados nunha guerra civil terrible no que estar nun ou noutro bando foi simplemente unha cuestión accidental, baseada no lugar onde a cada un lle sorprendeu o golpe de estado.
Historias de boa e mala sorte, de persoas que sobreviviron a feitos terribles e outras que non o fixeron, foron pasando de pais a fillos, e netos, recolléndose nun documento que temos que considerar coma unha fonte histórica da nosa cidade.
Tamén se inclúen historias de persoas que se viron envoltas en acontecementos históricos doutros países, coma o golpe de estado de Augusto Pinochet, a guerra de independencia de Alxeria ou persoas que viron doutros países tras contendas coma a mesma II Guerra Mundial.
Historias de emigrantes retornados, ou doutros que non volveron xamais á súa terra. Persoas que perderon anos da súa vida loitando en guerras nas que se viron atrapados ou mesmo en cárceres coma a de Lugo, simplemente por ter ideas diferentes...
Será un libro verdadeiramente enriquecedor, e nun formato que facilita a lectura ao ser pequenas fichas con fotografías e un texto escrito polos propios alumnos.
A edición:
Como é costume do noso selo editorial a preparación, maquetación, impresión e distribución deste libro realizarase integramente en Lugo, xa que entendemos que a nosa razón de ser é apostar polo local, e máis ao tratarse dun libro deste contido.
A presentación:
A entrada será libre e gratuita ata completar aforo e na mesma poderá adquirirse o libro por tan só 16,00 euros.