12/01/2026
Esfaragúllase o pacto entre as farmacias da vila de Ordes que desde hai anos permitía que unha das tres estivese sempre de garda, en rotación semanal.
No cambio de responsable, unha delas desvinculouse do acordo. A raíz de aí, o Colexio de Farmacéuticos estableceu que sexan as cinco do municipio -as tres na vila e as do Mesón do Vento e Montaos- as que roten nas quendas, de venres a venres.
Deste xeito, en dúas de cada cinco semanas a capital municipal queda sen farmacia de garda. Este vindeiro venres a partir das dez da noite xa sucederá, coa apertura da do Mesón.
Sen embargo, os cambios poderían non quedar aí, pois un recurso ante a Xunta da farmacia desconforme contra a resolución do Colexio podería levar a que entren na rotación outras tres farmacias, de fóra do concello.
Serían as de Abellá (Frades), Viaño Pequeno (Trazo) e Visantoña (Mesía), que son as tres pertencentes a municipios que teñen como referencia o Punto de Atención Continuada de Ordes e están a como moito os quince quilómetros e os quince minutos do PAC que fixa a normativa legal.
De momento non hai data para que a Xunta decida, pero fontes coñecedoras da situación estiman que o máis probable é que acceda a incluír as oito farmacias, dado que sería plenamente legal e encaixa con outros casos análogos noutras zonas de Galicia.
Se finalmente sucede, o periplo nocturno de pacientes do PAC non sería só polas farmacias do termo de Ordes, senón nas outras da comarca. Poderían darse casos como, por poñer un, pacientes de Trazo que acudan ao PAC a Ordes e terían que ir polo medicamento a Visantoña, cruzando case toda a comarca.
Imaxe de arquivo.