07/10/2026
🚨 COMUNICADO IMPORTANTE DE RETRANCA EDITORA
Queremos explicarvos unha situación que está afectando gravemente a Retranca Editora e a moitas outras editoras independentes galegas.
A crise e a folga indefinida do Consorcio Editorial Galego non é un problema alleo aos lectores nin unha simple cuestión entre empresas. Detrás hai traballadores que reclaman os seus dereitos, pero tamén editoras que levamos meses vendo como cartos correspondentes á venda dos nosos propios libros non chegan ás nosas contas.
E para unha editorial independente isto non é unha anécdota.
Eses cartos son os que permiten pagar autores e autoras, imprentas, traducións, deseño, dereitos, novos libros e postos de traballo. Cando unha distribuidora deixa de cumprir esa función, o problema percorre toda a cadea do libro.
Por iso apoiamos as lexítimas reivindicacións dos traballadores e traballadoras do Consorcio, pero tamén reclamamos solucións urxentes e responsabilidades para que as editoras poidamos recuperar o que nos corresponde.
Porque detrás de cada libro hai meses —ás veces anos— de traballo. E porque a cultura galega non pode sosterse eternamente sobre a precariedade, a paciencia e a capacidade de resistencia de quen a crea e a edita.
Nós decidimos seguir.
📦 ÁS LIBRARÍAS
Retranca Editora distribúese actualmente a través de ARNOIA, polo que xa podedes volver realizar os vosos pedidos con normalidade a través da distribuidora.
📚 AOS NOSOS LECTORES E LECTORAS
A mellor maneira de axudarnos nestes momentos é moi sinxela: seguir mercando libros.
Nas vosas librarías de confianza ou directamente na nosa tenda:
www.retranca.gal
Cada libro que mercades non é só un libro.
É apoiar unha editorial galega independente, aos seus autores e autoras, ás imprentas, ás librarías e a toda unha pequena industria cultural que intenta seguir creando no noso idioma e desde o noso país.
A situación é difícil, pero Retranca Editora vai seguir publicando libros.
Levamos demasiados anos facendo cultura para rendernos agora.
Grazas ás librarías que seguen confiando en nós, aos autores e autoras pola paciencia e, sobre todo, a todas as persoas que cada vez que mercades un dos nosos libros facedes posible que poidamos publicar o seguinte.
A cultura galega tamén se defende mercándoa, léndoa e facéndoa circular.
Seguimos. 🖤