07/03/2026
O CONCELLO DE CAMPO LAMEIRO, A ANPA E DIGITAL MONSTER COLLECTIVE POÑEN EN MARCHA FAMCine, UN FESTIVAL DE CINE FAMILIAR CON 12 SESIÓNS E PROGRAMACIÓN PARA TODAS AS IDADES
Campo Lameiro acollerá entre os días 13 e 15 de marzo a primeira edición de FAMCine, o Festival de Cine Familiar de Campo Lameiro, unha nova iniciativa cultural que busca achegar o cinema ao rural e ofrecer unha proposta de lecer pensada para toda a familia. O festival está organizado polo Concello de Campo Lameiro, Digital Monster Collective e a ANPA do CEIP Pedro Antonio Cerviño, coa participación de entidades culturais e coa colaboración de empresas e establecementos locais que apoian esta primeira edición.
O festival contará cunha programación de 12 sesións de cine distribuídas en tres espazos do concello, cunha selección de filmes adaptada ás diferentes franxas de idade co obxectivo de favorecer a participación de toda a veciñanza. As entradas serán totalmente gratuítas.
Deste xeito, o Salón de Actos do CEIP Pedro Antonio Cerviño acollerá as sesións dirixidas ao público infantil; o Centro Social Sobrino Buhigas será o escenario das proxeccións de cine de autor orientadas ao público adulto; mentres que o Centro de Estancia ofrecerá sesións de cine reflexivo e de humor pensadas especialmente para as persoas maiores.
Ademais das proxeccións, FAMCine incluirá unha competición de curtametraxes e longametraxes de ficción e animación, na que o público tamén terá un papel activo mediante o voto popular. A programación completarase con diferentes propostas pensadas para crear unha experiencia cinematográfica para toda a familia, con palomitas, chocolate e outras sorpresas para as persoas asistentes.
O festival rematará coa entrega de premios no Pavillón Deportivo, que servirá como acto de clausura desta primeira edición.
As persoas interesadas poden consultar o programa completo e reservar as súas entradas a través do código QR incluído no cartel do festival.
FAMCine nace por iniciativa de Digital Monster Collective, o Concello e a ANPA coa vontade de achegar a cultura cinematográfica ao ámbito rural e fomentar espazos de encontro arredor do cine para diferentes xeracións. Ademais, a iniciativa está vinculada á actividade da ANPA do CEIP Pedro Antonio Cerviño, contribuíndo a impulsar actividades culturais e educativas ao longo do curso.