11/01/2026
🇵🇹 📖 Portugal na obra do galeguista Vicente Martínez-Risco ( 1884 - 1963 ) 9️⃣ TEXTOS :
TEXTO I ( ano 1918 ).
Hoxe está recoñecido pola ciencia, que a terra galega, coas provincias portuguesas de Tras-os-montes e Entre-Douro e Miño, constitúe unha rexión xeográf**a perfectamente caracterizada e distinta de tódalas demais da Península.
Rexión que Hernández Pacheco chama Galaico-duriense, e que Dantín Cereceda esquematiza as súas diferencias do xeito seguinte: “Terreos graníticos primitivos, suxetos á erosión dende hai moitísimo tempo. Clima húmedo, chovendo moito. Vexetación alpina e boreal, coma a da Europa Central. Lameiros, gando. País superpoboado.
TEXTO II ( ano 1930 ).
Na Alfándega, unha riola de portugueses probes, comestos da saudade, homes e mulleres e nenos que veñen traballal’as leiras dos franceses que fuxen do campo, e aos que non podo por menos de falarlles.
Poucos galegos se teñen decatado do que Portugal é pra nós. Portugal é a Galiza ceibe e criadora, que levou pol-o mundo adiante a nosa fala e o noso esprito, e inzou de nomes galegos o mapa do Mundo. Que precisión temos nós de galeguizar a Colón, en contra da sua espresa vontade, se témol-a epopea lusíada.
¿Com’imos facer qu’un genovés ou un judeu sexa mais noso que Fernando Póo e Tristán da Cunha? Benito Vicetto —que é o Wells da historia de Galiza, coma Wells é o Vicetto da historia universal— atína algunhas veces nas suas pantasías. Il insiste de cote na ideia das duas Galizas: a Galiza Lucense e a Galiza Bracarense.
Embora se non poidan sinalar, os lindeiros d’unha e da outra, o certo é que tal dualidade, non somentes esisteu, senon que foi decisiva —e por certo pra mal— na nosa historia.
N-efeito: namentral-a Galiza Lucense entregouse inerme e esquecida, os bracarenses souperon alongar Galiza deica o Algarbe, sostela independente, e criar novas Galizas na América, na Africa, na India, na China e na Malasia.
Namentral-a historia da Galiza Lucense é un perpetuo fracaso políteco, a de Portugal repersenta o trunfo da Galiza ideal, da Galiza galega, e ten que ser pra nós, e por iso, a door de Portugal síntea o galego de sangue no mais íntemo da y-alma.
D’eiquí a vergonza e a pena que me dá ver istes probes irmans nosos que deixan a sua terra os coitados, pra poder ganar eiquí uns poucos francos... Compre que Portugal s’erga e non sabedes ben, galegos, com’isto nos compre a nós...
TEXTO III ( ano 1918 ).
Agora, o galego e o portugués son dúas formas dialectais do mesmo idioma: esto indica que nós temos un maior parentesco con Portugal do que con Castela.
Tres falas, tres civilizacións; nós pertencemos á civilización da banda occidental, e culturalmente, pois que así é filoloxicamente, nada temos que ver coas outras dúas. Queiramos ou non, esto trábanos fortemente, estreitamente con Portugal e coa civilización portuguesa.
TEXTO IV ( ano 1918 ).
As parroquias, comunidades de carácter esencialmente rural e agrario —e esta é outra das cousas que temos de común co Portugal— constitúen o único fondo autóctono da sociedade galega.
TEXTO V ( ano 1918 ).
B. De Emigración, Cultura, Iberismo, Turismo e Estética.
29. Pedir ós gobernos español e portugués a libre circulación dos cidadáns de entrambos países, sen o requisito dos pasaportes.
30. Solicita-lo intertroque cultural e de estudiantes entre a Universidade galega e as portuguesas, deixando libre de dereitos toda clase de libros e obras de arte.
31. Oporse á intervención armada de España en Portugal se chegara a estalar un movemento sindicalista alén, por considerar Galicia irmá a nación portuguesa e tel-la independencia desta como a súa propia independencia.
32. Pregar ós estudiantes brasileiros que na viaxe proxectada polos estudiantes das Américas latinas a España, veñan eles tamén, e visiten Galicia, por seren os nosos irmáns na lingua.
TEXTO VI ( ano 1920 ).
Asinif**ación do Celtismo.
Sinif**a a nosa potencialidá de crearmos valores culturáis e sociáis propios nosos, e pol-o tanto, o noso direito a termos un valor internacional, y-a inxusticia de que sexa Castela quen leve por nós a voz no mundo.
Sinif**a que, quitando Portugal, non temos verdadeiras afinidades étnicas con ningún outro pobo d’a Península, y-en troques, témolas moi grandes c’outros pobos europeus: con Irlanda, coa Bretaña, coa Escocia, con Gales.
Que somos eiquí un pobo aparte, que as tradiciós hespañolas das grorias de Castela, do Arabismo, do Século d’Ouro, da Místeca, non son nosas, nin están no noso ser, ni-nos podemos encariñar co’elas. Sinif**a o noso direito á autonomía políteca y-á asoluta independencia no que toca á cultura.
TEXTO VII ( ano 1922 ).
No artigo de qu’hoxe damos conta, decídese ó fin y-ó cabo por Taine pr’esprical-as difrencias da y-alma galego-portuguesa e a y-alma castelán.
Acollerse a Taine, é, pol-o menos porse en razón. Ora, hai duas cousas importantes pra nós no artigo de Ramiro de Maeztu no Hermes d’Abril: unha esta confesión sinxela: “el genio portugués fecunda nuestro espíritu con dos grandes novelas de caballerías: el Amadís de Gaula, de Lobeira y el Palmerín de Inglaterra, de Francisco de Morais, y con la primera de las novelas pastoriles, la Diana de Jorge de Montemor...
Claro está que a la fecundación portuguesa no tarda en responder la creación castellana y así puede decirse que el Quijote es la respuesta realista que dá Castilla tanto a los libros de caballería como a la novela pastoril”. Eiquí vése ben a oposición do esprito castelán ó noso esprito.
TEXTO VIII ( ano 1922 ).
Obra feita e coidada con amor e con fonda honradeza artísteca e centífeca, sabio e fermoso moimento á groria d’un pobo mais qu’irmau do pobo galego, esta fondamente istrutiva Historia da colonização portuguesa do Brasil recoméndase d’un xeito especial á nosa ademiración, ó noso estudo e á nosa simpatía.
TEXTO IX ( ano 1918 ).
Ora isto dá unha signif**ación universal ao galeguismo, isto dá unha meirande realidadde histórica á nosa existencia nacional. A misión históriza de Galiza e Portugal é de opoñer ao mediterraneísmo, o atlantismo: fórmula da era futura.
Tras de nós, España enteira ata agora infestada de mediterraneísmo, co seu século de ouro, co seu conceptismo especioso, coa súa faramallosa retórica, coa súa énfase grandilocuente, incorpórase toda ela á civilización atlántica.
Extraído do traballo " Visión de Vicente Risco hacia Portugal en Nós y en su obra Teoría do Nacionalismo galego", autoría de Alicia Valiente Fernández, Febreiro do ano 2007.