29/06/2026
Arranca o Laboratorio de Creación Musical para a Mocidade de Vigosónico e faino con todas as prazas ocupadas. En só tres días esgotáronse.
Custa explicar o que significa ver a mozos e mozas de entre 13 e 25 anos entrando pola porta coa guitarra ao lombo, sen saber aínda con que banda van tocar dentro de dúas semanas nin que canción van compoñer, producir e levar ao directo.
Pero quen algunha vez tivo 16, 18 ou 22 anos e quedou para ensaiar coa súa banda sabe perfectamente do que falamos: durante un tempo, esa canción, ese local e esa xente podían ser o máis importante do mundo. 😊
Porque iso é o que vai acontecer durante estas dúas semanas en Vigosónico: tocar, compoñer, gravar, preparar un directo, entender os dereitos de autoría e descubrir que a música, ademais de paixón, tamén é un sector con saídas profesionais reais.
E non o facemos sós.
Acompáñanos un equipo de profesionais en activo, xunto cos nosos profes Martiño, Álex e María: Wöyza, Mingos Lorenzo, María SOA, Salva Ronko, Toño López, Miguel Areán, Miguel Marcos, Javier de la Torre e moitos máis, que nos irán visitando para compartir o que de verdade acontece dentro deste oficio: desde a composición e a produción ata a intelixencia artificial aplicada á música.
Que un proxecto público, impulsado pola Concellería de Xuventude do Concello de Vigo, encha todas as súas prazas en tres días di algo importante: hai moitísimo talento novo con ganas de crear, e cómpre darlle espazo, ferramentas e acompañamento.
Grazas a todas as familias que confiaron, ao equipo que o fai posible e a esta xeración que hoxe comeza a descubrir a súa voz.
Isto acaba de empezar. 🎶
Concellería de Xuventude - Concello de Vigo Abel Caballero - Alcalde de Vigo